O Pis Oé Oé Oé local xa se confesou

Maio 9th, 2012

Recentemente, Europa Laica cometía unha tropelía moi grande: denunciar a dobre linguaxe do PisOéOéOé, por utilizar o laicismo como un argumento propagandístico para distanciarse do Partido Crapular e da Conferencia Haipiscospal pero que, de feito, practica unha política que supón un constante retroceso na separación igrexas-Estado.

E dicimos que Europa Laica cometía unha tropelía moi grande porque, oian señores laicos, xa hai que estar xordos para non escoitar como, a grito pelado para que escoitase todo o que tivese… pavillóns auditivos, o seu líder Rubalcabra, imitando ao Indiana Jones na procura do voto perdido, falaba de que había que poñer á Santa Nai Inglesa no seu sitio.

E recentemente e  en Redondela máis concretamente, un dos seus lideres, mollándose como hai que mollarse nestes días de choiva, dixo nun pleno recente que había que tomar unha determinación (probablemente con gas), ao respecto do tema procesional e daquela manía que tiñan os anteriores mandatarios en arroupar ao arcipreste don Bieito e á banda de música nos seus pasarrúas, e que o ían levar a asemblea.

Pois ben, señores de Europa Laica, teñen vostedes cada cousa! Mira que desconfiar de quen son xente zurda por historia, nalgúns casos! Xa hai que ser malos! Acaso nos enganaron tanto e a tantos tanto tempo? Verdade que non?, díxolle un cego a un xordo.

Pois verán, señores e señoras, para que o teñan claro xa e deixen de meterse con esta formación política “laighca”: a franquicia local, atendendo a estas e outras peticións do seu público máis zurdo, chamou a rebato en canto puido e decidiu, atendendo aos seus solistas de maior prestixio… chanchanchán!!!!!!, que non se pode ir contra das tradicións dos… dos… dos dous de sempre, e que a tradición do partido (socialista, laico, incluso antes vermello pero agora rosa fucsia, de feito rosa fucsia dende hai moooooiiitttoooo teeeeempo)   é… seguir indo ás procesións, como se fixo sempre desde que o PisOéOéOé é un partido de fonda tradición oportunista, populacheiro, mexapías e neoliberal.

Para chegar a tal acordo asembleario, contan as malas linguas bífidas que houberon de aparecer por onde xa nin ían certos señores que xa estaban no ceo político e foran nomeados santos, así como delicadas señoras de “mantilla andaluza”. “Arsa quillo, arriquitaun y olé!!”.

Nota malévola: Que contentos deben de estar os da Obra de Deus. Tanto a nivel local como a nivel estatal, os rosáceos parecen ter unha única función:  achandar o camiño do Pirata Party, polo que se ve. Amén.