A falta de aparcamento por mor da tinta da Festa dos Chocos provoca problemas de tráfico na vila

Maio 11th, 2012

na foto de Amagar, un comensal pretende coller coas dúas mans unha hamburguesa de choco que se lle escapa cunha velocidade inusitada, na presenza de dous menores que pasaban por alí

Suciedade • 10/05/2012

Autor: Ana Bankia (Preto de Vós)

Moita paciencia, e algo de condescendencia, adobiada cunhas gotiñas de eau de chocón (un choco enorme), deberán ter os condutores que estes días circulen por Redondela e incluso as súas proximidades.

As atraccións e a instalación da mega-carpa para a festa gastonómica (houbo que chamar a un programa de La Sexta que se dedica a estas cousas para a súa montaxe: Le Canarión Enchainé) limitaron moito os sitios nos que estacionar no centro da vila. Un problema que se suma a outro e a outro e a outro, xunto ao asfaltado no Paseo da Xunqueira, que están a provocar problemas de tráfico na zona coñecida como A Milha de Ouro. Xa parece o vello goberno do innomeable, apurando as obras para as eleccións.

Así que, mellor deixar o coche fóra do pescozo da botella… e a facer as xestións a pé, que é mellor para rebaixar o colesterol que estes días imos devorar en forma de tinta choca. Esa é a recomendación para todos os condutores que non teñan outro remedio que vir á vila a facer algo: vir a pé, que nada ten que ver co PP, aínda que sexa o actual partido gobernante da vila e parroquias.

A colocación dunha gran carpa no Campo da Feira e Perexil e a instalación de diferentes atraccións na explanada da marisma están a limitar moito onde pousar o carricoche, e esta situación prolongarase toda a fin de semana por mor da celebración da Festa dos Choscos, unha festa pensada para a tinta de calamar e os que non miran a saída da crise.

Os preparativos do evento gastonómico permitirán aos visitantes gozar dun amplo recinto con vistas ao río -que de seguro é aproveitado por máis de tres para dar de comer aos muxos- e dun amplo espectro, pero trae de cabeza aos automobilistas e aos ecoloxistas, por distintas razóns. Nunca tal se mirara. Ata niso somos innovadores nesta vila.

Un problema engadido son as obras de asfaltado no Paseo da Xunqueira, que tamén afectan ao transporte público e incluso aos taxis. A liña de autobuses que une Pontevedra e Vigo pasando antes por Redondela non pode circular pola avenida Ernestina Poromponpero, polo que as paradas da liña trasladáronse á estrada nacional, algo que sucede sempre que no centro se produce un evento de certa importancia, o que nos leva a formular unha pregunta: somos parvos os da vila? Os pasaxeiros poden facer uso das paradas alternativas en Santa Mariña (á beira do semáforo) e á altura da ponte peonil xunto o antigo cuartel da Garda Civil (abaixo, olliño, e sen practicar puenting). Malo será que algún día non nos aconsellen ir coller o autobús á Madroa ou a Nespereira.

Fontes sen confirmar afirman que parte do problema do estacionamento que estamos a vivir en Redondela ten que ver con que o noso alcalde chegou á alcancía con formato “riquiño” e, por mor das papatorias, xaculatorias e outras panzurrias na illa de San Limón, está collendo formato pdf… ou, como podería dicir un castizo: tamaño bigmac.

Outras fontes da Tafona, pero confirmadas por don Bieito, aseguran que o actual concelleiro do Medio dun Ambiente é o verdadeiro culpable desta situación, xa que non para de comer chocos dende que se iniciou a campaña e, de seguir así, non deixará prato, vaso, culler ou tixola sen lamber, polo que pouco, por non dicir nada, quedará para os visitantes. El, para xustificarse, di que está a facer limpezas ecolóxicas nos ríos.

Fonte informativa: www.caramuxoxoco.org